Presentación
Consideramos que a onomástica, isto é,
o estudo dos nomes de persoas e de lugar, é unha parte importante
do noso acervo cultural, e por iso é importante impulsar os traballos
dedicados á súa conservación, divulgación
e investigación. Nese sentido, a nosa Asociación nace co
fin de intentar unifica-los esforzos que desde diversos campos están
destinados para tal fin: o material onomástico pode ser analizado
desde múltiples perspectivas, non só a lingüística,
senón tamén a histórica, a antropolóxica,
a social ou a arqueolóxica.
Con respecto ao ámbito xeográfico, o noso campo de traballo
non se circunscribe ós límites políticos da Galicia
actual, senón que se aproxima máis ó da gallaecia histórica,
e por tanto abranguería tamén os territorios limítrofes,
tanto de España coma de Portugal.
Cremos que a recuperación da onomástica tradicional é unha
parte importante do proceso de normalización lingüística.
Por iso, o papel dos profesionais de ensino medio pode ser moi relevante
neste eido, xa que son figuras idóneas para impulsar traballos de
campo entre os alumnos, o que, por unha banda, posibilitará que estes
se fagan conscientes do papel da toponimia e da onomástica persoal
na nosa cultura, e por outra banda, redundará na elaboración
de traballos útiles que axuden a preservar a nosa riqueza cultural.
A Asociación pode contribuír a canalizar ou orientar este tipo
de traballos, e posibilitar a súa posterior publicación (ben
en papel ou en Internet) ou a súa presentación nos congresos
que desde o 2002 vimos organizando para dar a coñecer e promover a
actividade onomástica de Galicia.
A Asociación Galega de Onomástica naceu en Santiago de Compostela
en 1999. Foron socios fundadores Fernando Tato Plaza(†), Antón
Santamarina Fernández, Juan José Moralejo Álvarez, Ramón
Lorenzo Vázquez, Gonzalo Navaza Blanco, Xosé Antón Palacio
Sánchez , Xesús Ferro Ruibal, Ana Isabel Boullón Agrelo,
Elixio Rivas Quintas, Carlos Búa Fernández e Luz Méndez
Fernández.
O mantemento deste portal web contou cunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia